Este grupo de lectura xorde para achegármonos á literatura galega das escritoras emerxentes na Galiza.

Ten a intención de dar a coñecer as escritoras e promover a literatura escrita en galego na cidade, xa que ás veces nos é (des)coñecida ou fica ás marxes, queremos de xeito desinteresado afondar nos recunchos máis enigmáticos que nos achega a literatura na actualidade.

Para inscribirse podedes premer aqui e apuntarvos na sesión ou sesións que escollades, ben unha, dúas… ou tódalas sesións.

Ao inicio facilitarase un dosier de cada autora e os lugares onde podedes acceder aos libros de lectura.

Observacións:

Quen desexe poderá participar nunha sesión dunha autora ou en varias sesións de frecuencia mensual. O grupo de lectura será libre e gratuíto, atoparedes un espazo aberto e para compartir reflexións, aprendizaxes, gozar da lectura…

Recoméndase que asistades a tódolos talleres en que vos inscribistes, por se hai listaxe de agarda, á terceira non asistencia perderase a praza.

No grupo non se tolerarán actitudes discriminatorias ou ningún comportamento racista, sexista, clasista, capacitista, lgtbifóbico. Ficade atentes ás redes Aula d’Idiomes para recibir máis información.

GRUP DE LECTURA EN GALLEC

Lecturas: número de sesións

28 de outubro. Sesión 0: Presentación

25 de novembro. Sesión 1: Infamia de Ledicia Costas

23 de decembro. Sesión 2: Carrusel Berta Dávila

27 de xaneiro. Sesión 3: Beleza Vermella Arantza Portabales

31 de marzo. Sesión 4: Sibila Rosa Aneiros

28 de abril. Sesión 5: As Ramonas Ana Cabaleiro

26 de maio. Sesión 6: O ceo das reixas Eli Rios

30 de xuño. Sesión 7: Cobiza María Reimóndez

Día e hora: 4º xoves ás 19-20.30h 

Lugar:  La Comunal de Sants-Espai cooperatiu (Riera d’Escuder, 38, 08028 Barcelona).

Número de sesións:

Serán un total de 8 sesións que se realizarán cunha frecuencia mensual ao longo do seu transcurso. De xeito puntual, o calendario poderá estar suxeito a modificacións, debido a circunstancias alleas poderán cambiar o número ou orde das sesións.

O grupo de lectura de galego da Aula d’Idiomes, aproveitará a súa duración e desenvolvemento para dar a coñecer a Aula d’Idiomes e o galego a través da literatura, favorecer o acceso a todo o mundo da cidade dun xeito diferente á lingua galega, reforzar o tecido asociativo do barrio de Sants, facendo actividades inter-cooperativas e traballando con outras cooperativas do proxecto La Comunal como a librería La Ciutat Invisible, que facilitarán os exemplares. A dinamizadora do grupo encargarase ao inicio de indicar os lugares en que se poden conseguir os exemplares en soporte papel ou dixital.

Este grupo achegarase ao coñecemento do galego (nivel B1-B2) e de varias obras literarias que moitas veces fican na periferia, con bloques de reflexión crítica e/ou persoais a través da lectura. Para asistir ás sesións non é necesario o coñecemento do galego, soamente comprendelo, durante a realización das sesións as persoas informarán da lingua en que se senten máis cómodes expresándose. É dicir fomentarase o uso do galego nesta actividade pero non será indispensable, quen non coñeza esta lingua poderá expresarse noutra.

En resume, neste grupo queremos dar coñecer a lingua e apoiar as escritoras emerxentes que adoitan escribir perspectivas, de xénero entre outras, que nos poden levar a debates moi interesantes, poremos a vida no centro e crearemos espazos seguros e coidados antes e durante o seu desenvolvemento, onde nos sintamos seguras para falar das experiencias lectoras e/ou propias, se cabe.